Wednesday 18 de September de 2024

Neda traslada o espectáculo de novo circo “Up2down” ao pavillón do instituto para esquivar o mal tempo


A cita será, tal e como estaba previsto, este xoves a partir das 20 horas

Por mor da previsión do chuvias para este xoves, o Concello de Neda traslada o espectáculo de novo circo e danza “Up2down”, incluído no programa “Miúdo verán. Cultura en familia”, ao pavillón do IES Fernando Esquío, en Xuvia. A actividade, tal e como estaba previsto, comezará ás 20 horas.

O mal tempo desta semana aconsella o cambio dende o campo dos Subarreiros a unhas instalacións a cuberto para garantir que a proposta escénica do colectivo trasPediante, na que se traballa en cables de funambulismo, poida realizarse de forma segura.

O Concello convida a toda a veciñanza e aos visitantes a achegarse ao instituto para desfrutar desta obra, escrita por Arturo Cobas, e protagonizada por Marta Alonso & Paula Quintas, que combina humor, danza, circo contemporáneo e poesía visual.
A terceira edición de “Miúdo verán. Cultura en familia”, impulsado por Neda, bebe do ciclo “Cultura no Camiño”, deseñado polo Agadic para favorecer a dinamización das localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas.